'Vestindo o Ravachol', o concurso artístico infantil que pon en marcha o Museo de Pontevedra neste Entroido

© Cristina Saiz

© Museo de Pontevedra
O Museo de Pontevedra, nestes momentos pechado ao público por mor das restricións da COVID-19, quere celebrar o estraño Entroido deste 2021 e vén de poñer en marcha o ‘Concurso artístico infantil Vestindo o Ravachol’. O obxectivo é que as crianzas e a rapazada de entre 3 e 14 anos representen ao loro pontevedrés como máis lle guste e remitan o seu traballo ao Museo para expoñelo na vidreira do ‘Edificio Castelao’ da zona vella de Pontevedra.
O reto é deixar voar a imaxinación e, neste ano que non se pode acompañar a Ravachol durante o Entroido, poder crear a súa figura coa técnica e os materiais que se prefiran: debuxo, pintura, colaxe ou fotomontaxe entre outras modalidades, no que vaia vestido co disfraz que cada autor escolla. A obra debe levar un título, e é opcional que vaia acompañada dalgunha explicación, adiviña, cantiga ou poema.
A obra debe incluír: título, nome e idade da autora ou autor, e deberá enviarse fotografada ou escaneada nun formato que non supere o tamaño DIN-A4 en posición vertical ou horizontal. Entenderase que a ou o menor conta coa autorización da súa nai, pai ou representante legal, quen deberá enviar un correo á seguinte dirección gabinetedidactico.museo@depo.es no que se especifique: o seu nome, o nome do seu fillo/a, a idade deste e un número de teléfono.
Todas as creacións serán expostas no zona vidrada do Edificio Castelao do Museo a medida que vaian chegando (prazo aberto ata o 18 de febreiro), para que, a pesares do peche do edificio, toda a cidadanía poida gozar delas. Para participar é preciso ter en conta que só se admitirá unha creación por nena ou neno. Haberá tres categorías: de 3 a 6 anos (categoría 1); de 7 a 11 anos (categoría 2) e de 12 a 14 anos (categoría 3). A autora ou autor da mellor obra en cada unha das categorías recibirá un agasallo do museo adaptado á súa idade e poderá ver publicado o deseño do seu Ravachol na web e no Facebook do Museo.
O xurado estará formado por profesionais do Museo de Pontevedra, que valorarán tanto a orixinalidade coma a calidade en función da idade. As obras gañadoras decidiranse o 19 de febreiro, e comunicaráselle o mesmo día ás persoas premiadas a través dunha chamada telefónica e da publicación na páxina web e do Facebook do Museo.
Para saber máis sobre a historia do Ravachol podes visitar http://www.museo.depo.gal/noticias/notas.de.prensa/ga.02010114.html
Relacionadas:
-
Volven os "Contos Confinados" para que os máis cativos gocen dende a casa
Por Isabel Feijóo Gallardo |
-
Concurso-homenaxe a Ravachol nas redes sociais da Biblioteca Pública
Por Isabel Feijóo Gallardo |
-
Concurso de disfraces dixital con 16 gañadores e 3000 euros en premios
Por Andrea Sánchez Barreno |
-
Ravachol, 'confinado' na casa: Pontevedra renuncia á súa programación alternativa de Entroido
Por Alejandro Espiño |
-
Só Ravachol se salva da suspensión dun Entroido para o que "non se dan as condicións"
Por Alejandro Espiño |
-
25N | Marín chama á unidade ante as cifras "inaguantables" da violencia machista
Por Redacción |
-
Marín e Bueu fan un chamamento á concienciación da cidadanía contra o machismo
Por Oskar Viéitez |