Mesa redonda no Museo para iniciar os actos de conmemoración do centenario da Revista Nós
Por Redacción
A Revista 'Nós' celebra o centenario da súa aparición e o Museo de Pontevedra desenvolverá unha serie de actividades para conmemorar este aniversario. Este mércores celebrouse un encontro para analizar a importancia desta publicación no que participaron a deputada de Lingua María Ortega; o escritor e deseñador Pepe Barros; a profesora Patricia Arias; o escritor Emilio Xosé Ínsua e o historiador Miguel Anxo Seixas.
María Ortega afirmou que 'Nós' puxo a Galicia no mapa "soñando unha galeguidade universal" e lembrou como autores e intelectuais tan destacados como Otero Pedrayo, Castelao, Vicente Risco, Cuevillas ou Losada Diéguez, entre outros, mostraban a súa aposta pola vangarda e pola expansión cara a Portugal neste traballo.
A Revista 'Nós', segundo indicaba a deputada provincial, é a publicación cultural que ata o momento contou con máis resonancia internacional para a cultura galega e o seu legado resulta fundamental para entender e reflexionar sobre a identidade galega actual.
O historiador Miguel Anxo Seixas Seoane, autor do libro 'Castelao, construtor da nación' analizou a relación da revista con Pontevedra. Lembrou que en xuño de 1920 a cidade do Lérez foi o punto de encontro de Ramón Cabanillas, Vicente Risco, Antón Losada Diéguez e Castelao onde se xestou a publicación coa idea de realizar un uso elevado da lingua galega para achegala á alta cultura. Seixas afirma que se converteu en embaixadora da cultura galega en galego e, deste xeito, comezou a dialogar coa cultura europea. Apuntou a que tiña lectores tanto aquí como en América e relatou como foi aniquilada con motivo do golpe militar de 1936.
A parte literaria de 'Nós' foi explicada durante este faladoiro pola profesora Patricia Arias, que destacou a participación de máis de 200 autores na publicación, aos que hai que sumar aqueles que participaban sen asinar nas seccións do 'Arquivo Etnolóxico' e 'Os homes e as verbas'. Sinalou que se trataba dun traballo con afán cosmopolita aínda que contase con poucos medios de financiamento. E na mesma liña que Seixas apuntou que non se traducían textos escritos en linguas como o portugués porque os promotores de 'Nós' querían achegarse ao país veciño.
Tamén destacou que durante os 144 números e os seis anos de vida da revista, tan só participaron oito autoras, cinco delas no mesmo número e tratábanse de estudantes de Risco.
Emilio Xosé Ínsua, autor de libros como 'A nosa Terra é Nosa! A xeira das Irmandades da fala (1916-1931)' na que analizaba á ' Xeración de 1916' tratou na súa intervención sobre a repercusión noutras literaturas próximas e en como afectou a outros espazos do mundo cultural. Destacou a tradución que Otero Pedrayo fixo da magna obra 'Ulises', de James Joyce. Tamén se converteu nunha plataforma para consolidar novas tendencias da poesía galega con autores como Carvalho Calero, Augusto Casas ou Bouza Brey. 'Nós', explicou Ínsua, tamén tivo unha especial importancia na súa difusión do teatro con publicación e comentarios de pezas dramáticas. Tamén autores como Castelao avanzaban en revístaa fragmentos de obras tan importantes como 'Cousas'.
Por último, Pepe Barros, examinou o deseño da publicación para definila como un "artefacto simbólico" e a pesar da súa aparencia "modesta", asegura que non o é ao contar cunha estrutura que procede dos libros con "portada retablo", empregada entre os séculos XVI e XVIII. Barros explicou tamén que Castelao utilizaba un manto procedente das influencias modernistas para xogar co branco e negro ponderado.
Este xoves 29 de outubro, a Deputación realizará unha actividade cultural con representación teatral e un coloquio no que se dará voz a representantes femininas nunha reconstrución temporal da revista. Os actos para a conmemoración continuarán no Museo ata finais de ano, etapa na que acollerá a exposición 'Galicia de Nós a nós', que agora se pode visitar na Cidade da Cultura
Relacionadas:
-
O paseo dos Gafos réndese a Carvalho Calero cun mural do Quilombo
Por Natalia Puga |
-
Familias pontevedresas exiliadas por mor da represión franquista serán homenaxeadas no Mes da Memoria
Por Redacción |
-
A "Xeración Nós" volve a Pontevedra para poñer en valor o papel das súas autoras
Por Redacción |
-
‘De Nós a nós’: unha viaxe á cerna da nosa cultura
Por Redacción |
-
Poio lembra a figura de Carvalho Calero cunha variada programación
Por Redacción |
-
O Museo organiza unha mesa redonda sobre 'A Revista Nós: a romaría das palabras'
Por Redacción |