As creacións de Matteos e de Manuel Paz fúndense no Sexto edificio do Museo
Por Redacción
Este venres 9 ás 21 horas no Sexto edificio do Museo de Pontevedra únense as creacións de Matteos e a escultura de Manolo Paz nun desfile de modelos que combinará os traxes do deseñador coruñés José Matteos coas obras creativas do escultor Manolo Paz.
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, e a deputada Ana Isabel Vázquez reuníronse cos dous artistas que explicaron que nesta iniciativa artística, o deseñador mostrará unha retrospectiva das súas creacións dos últimos cinco anos empregando como escenario a exposición Lúa Azul de Manolo Paz. O escultor mostrou a súa satisfacción por poder "vestir" a súa obra coa arte contemporánea do século XXI.
José Matteos indicou que "non vai ser un desfile ao uso", xa que se desenvolverá como en forma de circuíto no que as modelos van pasando polas tres salas nas que se expoñen a obra de Paz, tratando de integrar as esculturas no propio desfile. A retrospectiva do deseñador denomínase Evolution e serán 17 modelos que mostrarán 40 deseños diferentes.
Para asistir é necesario contar con convite debido a que o aforamento se limita a 500 persoas. Os convites pódense reservar a través do teléfono 986 804 100, extensión 42436, ou por correo electrónico a través de secretaria.museo@depo.es.