O edificio Sarmiento do Museo abrirá o 22 de agosto xa rehabilitado e dotado de fondos
Por Redacción
O Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra abrirá as súas portas, totalmente rehabilitado e musealizado, o vindeiro 22 de agosto. Con todos os novos fondos dos que está dotado vai permitir facer un percorrido cronolóxico pola historia de Galicia, desde os primeiros testemuños que existen de civilización ata os nosos días. Exhibirá por primeira vez os testemuños dos máis antigos poboadores dos que hai constancia, con restos de hai uns 500.000 anos.
O acto de inauguración está previsto para as 20.00 horas coa presenza da ministra de Fomento, Ana Pastor, segundo anunciou este martes o presidente da Deputación, Rafael Louzán, durante unha visita ás obras de musealización acompañado pola deputada Ana Isabel Vázquez e polo director do Museo, Carlos Valle. As obras de rehabilitación están rematadas e nestes momentos a empresa Intervento procede á instalación de todas as pezas que se van expor ao público.
O presidente da Deputación fixo especial fincapé na relevancia do contido que terá o Sarmiento, cunha primeira planta dedicada á arqueoloxía na que "os concellos de Pontevedra se van sentir representados", dado que vai acoller en exposición permanente a "maior representación de todo o que se foi atopando durante décadas nos distintos concellos da provincia".
O edificio Sarmiento acollerá "as coleccións máis antigas do museo", partindo desde o Paleolítico ata o século XIII; para enlazar despois coas coleccións do Sexto Edificio, co que está conectado desde o interior e no que se expoñen as mostras artísticas desde o século XIV ata a actualidade.
Conséguese así "trazar unha visión panorámica con pezas moi destacadas do que foi a historia da cultura e da arte galega desde o paleolítico, desde os testemuños máis precoces, ata a actualidade". Remontarase a hai máis de 500.000 anos e, desde este arranque, vaise seguindo a evolución histórica incluíndo pezas que nos remiten ao paleolítico, o megalítico, o neolítico, o mundo da Idade do Ferro, os restos castrexos, Roma e o mundo Galaico-Roman, nas tres grandes salas da planta baixa do edificio.
No segundo andar situarase, nas dúas grandes salas centrais, a colección Sánchez Mesa de arte española contemporánea e de arte oriental, mentres que nas salas da periferia irá a colección de louza de Sargadelos, a colección de cerámica española e a cerámica Celta de Pontecesures.
REHABILITACIÿN DO RESTO DE EDIFICIOS
Deste xeito, o Museo de Pontevedra completa os traballos de posta en valor e musealización dos seus fondos, de forma que quen queira ter unha visión completa e continua do que fomos e o que somos "sen que haxa lagoas significativas, deberá pasar inevitablemente polo Museo de Pontevedra".
Louzán anunciou ademais que os traballos para a reforma do Museo non se quedarán aquí, senón que a Deputación seguirá traballando na mellora daqueles edificios que non foron restaurados pero que requiren de intervención para mellorar certas instalacións que presentan deficiencias.