Estrea, entre viños, da película O Apóstolo
Por Redacción
O xoves 25 de outubro estréase a película O Apóstolo. E será unha estrea sorprendente porque non se vai a desenvolver nunha sala de cine que acolla o evento senón a adega de Martín Códax. Alí asistirán algúns dos actores que prestaron a súa voz e mesmo a súa imaxe para esta película de animación.
O Apóstolo é a primeira película europea stop-motion en 3D na que participan actores de categoría como Carlos Blanco, Luis Tosar, Geraldine Chaplin, Jorge Sanz, Paul Naschy ou o actor de Vilalonga, Celso Bugallo. Os seus xestos foron utilizados para levalos a personaxes animados nunha historia que combina terror, humor e fantasía. O argumento xira en torno a un convicto recén fuxido do cárcere que pretende recuperar un botín escondido, anos atrás, nunha solitaria aldea.
A película está dirixida polo santiagués Fernando Cortizo e a banda sonora conta cun tema composto por Philip Glass, o gran músico minimalista que foi varias veces nominado aos Oscar.
Para asistir a esta presentación, os interesados deberán solicitar a súa praza a través do correo comercial@martincodax.com ou no teléfono 986.526.040. A proxección comezará ás oito na adega situada en Cambados. Nas propias instalacións, os visitantes poderán contemplar unha mostra dos escenarios reais da película que estará exposta na propia adega.