Moncho Borrajo vén a Pontevedra 'a pelo' para presentar o seu novo espectáculo de humor
Por Redacción
A sede de Afundación en Pontevedra acollerá o novo espectáculo do humorista Moncho Borrajo, "A pelo". Será o vindeiro sábado 1 de febreiro, ás 21.00 horas.
A expresión "A pelo" fai referencia ao momento no que se monta unha cabalería sen brida, cando se realiza algo sen roupa ou sen taparse a cabeza, ou a tomar unha bebida alcohólica sen mestura. "Tamén se di cando se realiza o acto sexual sen protección… Pero non é o caso", afirma Borrajo.
Por iso este espectáculo leva este título, porque é unha proposta que non ten nada que distraia ao espectador e que fala de cousas sinxelas que nos ocorren todos os días.
Aos seus 70 anos, o cómico ofrecerá ao longo do espectáculo, de hora e media de duración, un retrato crítico e satírico no que fala do politicamente correcto e das redes sociais.