O cine de conspiracións chega á Casa das Campás nun novo ciclo do campus
Por Redacción
Doce películas forman parte do novo ciclo cinematográfico que ofrecerá o campus de Pontevedra. Todas elas teñen o mesmo nexo: a idea dun ou unha protagonista que, segundo avanza a trama, convértese no único en detectar que o que acontece ao seu redor é froito dunha conspiración.
O ciclo, que recibiu o nome de Entre tebras, comezará este venres 24 de xaneiro, ás 19.00 horas, coa proxección na Casa das Campás da película Dous bos tipos, de Shane Black.
Con entrada libre ata completar aforo, as diferentes sesións desta actividade presentarán filmes de diferentes xéneros e épocas, co propósito de afondar en como as ideas de conspiración, confabulación e paranoia "forman parte da idiosincrasia e do devir da historia do cine", especialmente do estadounidense, segundo o seu coordinador, Suso Novás.
Entre tebras continuará 31 deste mes con O misterio do medo, de Fritz Lang, un clásico do cine negro que centra a súa trama nas organizacións secretas dos nazis; e o 7 de febreiro proxectarase Dark City, de Alex Proyas, un cruce entre ciencia ficción e cine negro.
Sete días de maio de John Frankenheimer, filme sobre unha conspiración para dar un golpe de estado nos EEUU en plena Guerra Fría, é a opción elixida para o 14 de febreiro; mentres que o venres 21 poderá verse Capricornio Un de Peter Hyams e o día 28, Traidor no inferno de Billy Wilder, unha película ambientada nun campo de prisioneiros da Segunda Guerra Mundial.
Xa en marzo terán lugar as proxeccións, o día 13, do filme de terror Déixame saír de Jordan Peele e do clásico do cine negro de serie B estadounidense O bico mortal de Robert Aldrich, o venres 20. Á semana seguinte o ciclo acollerá a conferencia Complot e paranoia, na que Suso Novás analizará a evolución do cinema de conspiracións.
Abril arrancará o día 3 con A última testemuña de Alan J. Pakula, que narra a investigación dun xornalista sobre o asasinato dun político; o 17 de abril poderá verse Arma fatal de Edgar Wright e o 30 dese mes exhibirase O quimérico inquilino de Roman Polanski.
Para o 8 de maio programouse o relatorio no que o crítico José Manuel López analizará o documental HyperNormalisation de Adam Curtis, centrado na construción dos discursos mediáticos que condicionan a percepción da realidade e o ciclo pecharase o 15 dese mes con O camiño de Cutler de Ivan Passer, unha xoia oculta do cine negro.