Música na rúa con Brass Metal Pontevedra e The Soul Jacket no ciclo Sons no Ar-co
Por Redacción
O Museo de Pontevedra volve levar un ano máis a música á rúa co ciclo de concertos Sons no Ar-co. Trátase da sexta edición dun dos eventos cos que a Deputación de Pontevedra busca traballar na promoción e dinamización cultural da cidade. Sons no Ar-co toma o seu nome do lugar no que se celebran os concertos, no contorno do arco que une os edificios Castro Monteagudo e García Flórez, na praza da Leña.
Os concertos darán comezo este venres 19 de xullo, ás 22:00 horas, coa actuación do grupo Brass Metal Pontevedra, formación integrada por membros de la Banda de Música de Pontevedra, así como por músicos convidados. Interpretará un repertorio atractivo para todo tipo de públicos, no que o son das big bands de comezos do século XX será o principal estilo, fresco e dinámico, apropiado para unha noite de verán.
O sábado 20 de xullo, tamén ás dez da noite, será a quenda de The Soul Jacket, banda nacida entre Vigo e Nigrán no ano 2004 e que é xa un referente do rock and roll na cidade olívica. The Soul Jacket destila un rock and roll clásico pero cun pé nos convulsos tempos modernos, con letras cargadas de mensaxes positivas e unha pegada de soul sureño e autenticidade capaz de poñer ao público en pé.
A gravación do seu primeiro álbum Wood Mama, que autoeditaron no 2012 nos estudos de Hendrik Röver, situounos nun posto privilexiado dentro da escena underground nacional. Lexítimos herdeiros dese son tipicamente americano e respaldados pola carismática voz e presenza escénica do seu cantante, Toni, conta tamén con: Jann Zerega, baixo e coros; Guillermo Gagliardi, guitarra e coros; Jorge Mizer, guitarra e coros; e Mauro Comesaña, batería e coros.