Fin de curso da Asociación Gaiteiros das Rías Baixas con recordo ao Mestre Ricardo Portela
Por Redacción
A Asociación Gaiteiros das Rías Baixas celebrou o seu acto de clausura deste curso 2012-2013 este sábado no salón principal da Casa da Cultura de Lérez. Ao mesmo asistiron todos os alumnos que durante os últimos meses recibiron as ensinanzas da técnica do Toque Pechado en Gaita Galega Tradicional e fixeron gala dos coñecementos adquiridos e interpretaron pezas do repertorio matriz da Escola, de Ricardo Portela e dos Gaiteiros de Soutelo.
Ao peche do acto, no que tamén se entregaron os correspondentes diplomas, despedíronse ata despois do verán cunha degustación de tapas típicas no furancho da Avoa en Cerponzóns.
O presidente da Asociación, Alvaro Novegil, dou os parabéns aos presentes, e animounos a continuar co labor de aprendizaxe do toque pechado, como parte fundamental deste proxecto que ten como obxectivo servir de canle de transmisión ás novas xeracións de gaiteiros e gaiteiras tradicionais.
Dende a Asociación Cultural Gaiteiros das Rías Baixas queren render unha homenaxe permanente e inmemorial ao Mestre Ricardo Portela e como non, aos mestres precursores, "que beberon do caudal cultural e musical do Val do Lérez e a súa área de influencia, que respiraron Rías Baixas, poñendo en valor a gaita tradicional propia da nosa comarca como un todo integral que fai que nos sintamos cada día privilexiados de vivir nun lugar máxico".
Gaiteiros das Rías Baixas mantén unha liña de dignificación da figura do gaiteiro tradicional das Rías Baixas e de recuperación da forma tradicional de dixitación pechada, esquecida nestes tempos, maioritariamente pola inclusión de modismos foráneos nas nosas músicas.