Unha das convocatorias ineludibles de setembro en Rías Baixas é o Festival de Curtametraxes de Bueu, o FICBUEU. Comeza este próximo venres 6 e prolongarase ata o 14. Co director deste evento, Manuel Pena, charlamos no Cara a cara, para coñecer que trae para esta ocasión.
O FICBUEU é sobre todo cinema, pero non o único. É unha cita cultural que durante nove días irá ofrecendo un total de 65 actividades e que mantendo tan só a cifra de persoas participantes na última edición, serán ao redor de dezaseis mil. A engrenaxe organizativa funciona practicamente doce meses; xa que como comenta Manuel Pena en PontevedraViva Radio o traballo de " pre produción" segue aumentando cada ano.
Para este 2019 presentáronse ao redor de dous mil catrocentos curtametraxes "foi o ano que máis películas vimos, máis aló das presentadas, vendo e acudindo a outros Festivais". Ese traballo de seguir a actualidade do sector vai permitir que quen acuda aprecie unha programación de maior actualidade.
A repercusión que alcanzou co paso do tempo o FICBUEU fai que os nomes propios vinculados á escena que participan sexan "de peso" e non só no ámbito galego. Luís Zahera será o actor que reciba o Premio Cinema Galego desta duodécima edición.