Os avogados traen a Pontevedra a Forges, Gallego y Rey ou Mingote para reflexionar sobre dereitos humanos
Por Redacción
Antonio Mingote, Aguilera, Dávila, Forges, Gallego y Rey, Máximo ou Pinto e Chinto chegan a Pontevedra a partir deste martes 25 de xuño da man do Colexio Provincial de Avogados de Pontevedra para invitar aos cidadáns a que reflexionen sobre a crise e os dereitos humanos.
Aterran na cidade do Lérez na exposición 'Los derechos humanos, ¿todavía?', composta por 46 obras de grandes mestres do humor gráfico español. As súas viñetas tratan sobre dereitos humanos dende unha perspectiva ácida e irónica. O seu obxectivo é facer reflexionar moita xente sobre a necesidade de defender, coidar e vixiar os dereitos humanos, tan ameazados hoxe entre nós.
Entre as obras que se poderán visitar inclúese unha do desaparecido Antonio Mingote que quere facer unha homenaxe ao seu recordo. Ademais, participan coas súas viñetas humoristas do talle de Aguilera, Alfredo, Arranz, Dávila, Dodot, Esteban, Forges, Gallego y Rey, Gorka, Julio Cebrián, J.L. Cabañas, Juan Ballesta, HARCA, Loriga, Madrigal, Malagón, Martín Morales, Máximo, Mendi, Nando, Néstor, Orcajo, Ortuño, Pandelet, Peridis, Pinto y Chinto, Ramón, Reboredo y Sañudo, Ricardo, Sir Cámara, Ubaldo Boyano, Ulises, Xaquín Marín, Guillermo, Cano, Idígoras y Pachi, Antón, Enrique, Puebla, Kap, Ortifus, JM Nieto, Rafael Vega Sansón y Arturo Asensio, Ferreres.
A exposición púxoa en marcha o Consello Xeral da Avogacía Española coa colaboración do Instituto Quevedo do Humor con motivo do 65 aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, que se cumpre en decembro e leva dende o mes de marzo percorrendo diversas sedes colexiais de toda España.
O Colexio de Avogados de Pontevedra tráea á cidade para inaugurar os actos que organizará durante os próximos meses con motivo da conmemoración do 175 aniversario da súa fundación.
Poderase visitar dende este martes ata o venres 5 de xullo. Durante o mes de xuño estará aberta aos colexiados e ao público en xeral en horario de mañá e tarde, de 9.00 a 14.30 horas e de 16.30 a 20.00 horas. En xullo o horario será só de mañá, de 8.30 a 14.30 horas.
Pode consultar aquí toda a galería de viñetas.