Tres novos autores guiarán paseos pola Pontevedra literaria
Por Redacción
Carlos Aurelio López Piñeiro, Carlos Taboada e Lourdes Maceiras. Son os tres autores que, durante todo este mes de xuño, protagonizarán os Paseos pola Pontevedra Literaria.
Esta actividade, organizada pola concellería de Dinamización Sociocultural e a Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG), busca levar ao público polos escenarios sobre os que escribiron os autores invitados.
As persoas interesadas nos paseos poderán inscribirse a partir do mércores 5 de xuño, a través do enderezo pontevedraliteraria@gmail.com indicando o paseo no que se quere participar. A inscrición é por orde de chegada e as prazas son limitadas, cincuenta por percorrido.
Os paseos comezarán o sábado 15 de xuño, ás 11.30 horas, cun roteiro sobre a influencia do cinema na Pontevedra do primeiro terzo do século XX, que estará conducido por Carlos Aurelio López Piñeiro.
Carlos Taboada será o guía, o sábado 22 de xuño, dun paseo que baixo a denominación de Pedrarcana, cidade lorquiana, fará un percorrido pola ambientación do primeiro título de literatura infantil que o pontevedrés publicou en solitario.
A escritora Lourdes Maceiras pechará os paseos de xuño, o sábado día 29, coa proposta Camiñando polo noso eido.