A muiñeira volverá a reclamar o seu espazo en Pontevedra
Por Redacción
A cidade de Pontevedra celebrará este venres 31 de maio o tradicional Día da Muiñeira. Este evento, organizado pola asociación Duos Pontes, busca amosar o folclore galego á cidadanía.
Trátase, recordan os organizadores, dunha actividade de grande colorido onde as rúas da zona monumental se enchen de nenos e mozos ataviados con traxes tradicionais que desfilarán desde a Praza do Teucro ata a Avenida de Montero Ríos, onde desenvolverán a demostración do baile en grupos, segundo as súas idades.
O desfile das 21 agrupacións participantes comezará ás 19.30 horas e, tras partir do Teucro, pasará polas rúas Princesa. Isabel II, Pai Sarmiento, Méndez Núñez, Don Gonzalo, Curros Enríquez, Fernández Villaverde e Michelena ata chegar a Montero Ríos.
Xunto a Duos Pontes participarán a escola de muiñeira Celme, a escola de baile de Gaiteiros Rías Baixas, o colexio Los Sauces, a escola infantil Bamby e a asociación cultural Veira do Río (Pontevedra); a asociación cultural Seixebra (Moraña), a asociación folclórica Recordos da Nosa Terra (Bueu), Os Trazantes de Tenorio ou a asociación cultural Soalleira (Sanxenxo).
O colexio Manuel Cordo Boullosa (Ponte Caldelas), o grupo de baile Os Borrateiros (Vilaboa), as asociacións culturais Miúdos (Arcade), Tamparrantán (A Estrada) e Os Penediños (O Porriño), o grupo Tralovalo (Moreira), o grupo de danzas Pai de San Roque e Faldriqueiras de Rodeira (Cangas) ou as agrupacións folclóricas Vides Novas (Poio), O Trevo (Meis) e Castromao (Mondariz) tamén participarán.
Ás oito será a demostración dos participantes coa interpretación, por parte dos gaiteiros de Duos Pontes da Muiñeira Mariñán, para os menores de 8 anos; a Muiñeira de Fozara, para os participantes de entre 8 e 13 anos; e a Muiñeira de Lougares, para os maiores de 13 anos.
Para finalizar interpretaranse a Jota Roubada e o Pasodoble de Mallou para que todos os participantes e o público en xeral poida participar do fin de festa do XLVIII Día da Muiñeira.
O grupo de música e baile tradicional Traspés de Vigo será o grupo especial convidado que actuará ao remate como fin de festa desta celebración, xa tradicional, na cidade de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Pontevedra baila ao compás dunha muiñeira
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot | Creada e actualizada