Xosé Abad retrata o pasado e o presente das mulleres galegas nunha exposición no Café Moderno
Por Redacción
O Café Moderno de Afundación de Pontevedra acollerá a partir do próximo 27 de febreiro o novo proxecto fotográfico do artista Xosé Abad, 'Nais e fillas. Dúas xeracións, un obxectivo', unha exposición na que o artista mostra a mulleres de distintas xeracións, nais e fillas, unhas fronte a outras, para mostrar os cambios alentadores que se deron na sociedade en favor das mulleres.
A exposición fotográfica poderase visitar ata o 1 de xuño de luns a venres en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.30 a 20.30 horas, e os sábados de 17.30 a 20.30 horas.
A finalidade é retratar e presentar ao público dúas imaxes das mulleres a través de dúas xeracións que, sen estar moi distanciadas no tempo, reflicten unha diferenza laboral e sobre todo vital.
A intención do autor é mostrar este salto xeracional no retrato de nais e fillas, dúas xeracións de mulleres cunha relación de afectividade, con vidas diferentes ligadas a traballos moi diferentes, que transcenden do privado e particular ao xenérico e emblemático, converténdose en representantes de dúas formas de vivir.