Unha viaxe en 360 graos para inaugurar Domingos do Principal 2019
Por Redacción & Diego Torrado
O espectáculo de circo Rojo estándar, da compañía andaluza Lanördika, abriu este domingo a nova edición de Domingos do Principal cunha proposta innovadora pensada para que o espectador se sitúe a 360 graos e, a través do movemento, viaxe polas emocións dos protagonistas.
Rojo estándar, gañadora do Premio Fetén 2018 ao mellor espectáculo de rúa, representouse, como é habitual, en sesión dobre, ás 12.00 e ás 18.30 horas, no Teatro Principal e serviu para abrir seis semanas de actividades nas que, ata o próximo 10 de marzo, pasarán polo escenario propostas de danza, circo, teatro de actor, de sombras ou de máscaras.
Como todas as obras deste ciclo de teatro e artes escénicas, Rojo estándar estivo enfocada ao público familiar. Neste caso, estaba recomendada para público a partir de tres anos e púxose en escena unha obra totalmente circular na que dous seres opostos atópanse nunha escena bañada polo surrealismo, onde as cores marcan o seu ritmo, e na que o amor, guiado polo circo e a danza, é peza crave durante todo o espectáculo.
As entradas para o resto de espectáculos están á venda en Ataquilla.com e de non esgotarse, dúas horas antes do inicio de cada un deles. O prezo é de 4 euros por localidade.