O surrealismo musical de Eugenio Granell vén en miniaturas
Por Redacción
O polifacético artista coruñés Eugenio Granell falecía en 2001 con 89 anos. Tras a súa morte desenvolveuse unha intensa investigación de dous anos de duración que permitiu coñecer máis de 200 anotacións musicais inéditas. Todas elas son liñas melódicas baseadas en sons de Galicia. O artista cubano Alejandro Vargas centrouse en recoller a liberdade creativa de Granell e trasladala a un disco libro que se presenta en concerto a través dunha banda que está integrada por batería, contrabaixo, piano e voz, con colaboración de gaita, zanfona e viola.
Pontevedra acolle no Teatro Principal o primeiro concerto desta agrupación despois de que o propio Alejandro Vargas recollese Na habana o Premio Especial Cubadisco 2013 por este traballo.
Na presentación, Olga Nogueira, integrante da produtora aCentral Folque - Centro Galego de Música Popular e o contrabaixista José Manuel Díaz indicaron que este espectáculo musical se baña no surrealismo de Granell co obxectivo de que os asistentes participen activamente e sinalaron que os mozos que se encontran habituados a sons pops se verán sorprendidos por este son pouco comercial. No escenario tamén se lerán poemas do autor coruñés.
A cita será este sábado 25 ás 9 da noite no Teatro Principal. As entradas están á venda a un prezo de 8 euros para público xeral e de 5 euros para estudantes, parados e xubilados.