A BMP trae a maxia de John Williams ao Principal
Por Diego Torrado
John Williams foi o protagonista do concerto ofrecido este domingo pola Banda de Música de Pontevedra.
Este compositor cinematográfico é un dos máis laureados de todos os tempos, con máis de cen películas no seu haber, cinco premios Óscar, catro Globos de Ouro, sete BAFTA e vinte e tres Grammys. Súas son as bandas sonoras de Tiburón, E.T., Superman, Star Wars, Indiana Jones, Parque Xurásico, A lista de Schindler, Só na casa o Harry Potter, entre outros moitos éxitos.
O pasado venres 26 de outubro tiña previsto un concerto no Royal Albert Hall dirixindo á London Symphony Orchestra, pero o evento tivo que ser suspendido do mesmo xeito que o de Viena, debido a que Williams foi ingresado nun hospital de Londres por causas que non transcenderon.
Así pois o concerto da Banda de Música de Pontevedra, baixo a batuta de Rafael Agulló, foi todo un recoñecemento e unha mostra de admiración polo compositor e director de orquestra estadounidense.
O programa interpretado nesta nova sesión do Ciclo de Butaca incluíu Escapades, da película "Atrápame se podes"; Star Wars Epic (suite sinfónica); Viktor’s Tale, da película "A Terminal", e The Complete Harry Porter (selección).
A Banda de Música de Pontevedra ofrecerá un total de sete concertos dominicais ata o 13 de xaneiro dentro de Ciclo de Butaca, todas elas con entrada libre e gratuíta e como escenario o Teatro Principal.