Catro 'voces rotas' para coñecer problemáticas sociais a través do cine
Por Redacción
A sede de Afundación en Pontevedra acollerá o próximo mes de novembro un novo ciclo cinematográfico. Trátase de Voces rotas, que ofrecerá ao público catro películas que analizan distintas problemáticas sociais tanto actuais como pasadas.
Inmigración, infancia, adopción, crenzas relixiosas, guerras, racismo, paro ou violencia xuvenil trátanse neste ciclo de proxeccións que pretende concienciar ao público e reivindicar diferentes causas sociais.
Ida, do director polaco Pawel Pawlikowski, será a primeira película de Voces rotas. Proxectarase o 6 de novembro, ás 19.00 horas. Ambientada na Polonia nos anos 60, presenta a historia de Anna, unha moza orfa a piques de facerse monxa que descobre a unha parente viva, unha tía que non quixo facerse cargo dela cando era unha nena.
A nai superiora obriga a Anna a visitala antes de tomar o hábito. A tía, unha xuíza desencantada e alcohólica, desvélalle a súa verdadeira identidade. O seu nome real é Ida Lebenstein, é xudía e a súa familia foi asasinada a mans do réxime nazi.
O 13 de novembro será a quenda de Eu, Daniel Blake. Esta aclamada película do director inglés Ken Loach está protagonizada por un carpinteiro con problemas cardíacos que se ve obrigado a deixar de traballar. Con todo, a administración sanciónao se non busca emprego. Na súa procura, coñece a Katie, solteira con dous fillos. Ambos tentarán axudarse mutuamente.
A película francesa Mustang, dirixida por Deniz Gamze Ergüven, será a oferta para o 20 de novembro. Nela, tras un inocente xogo na praia xunto aos seus compañeiros de clase ao comezo do verán, a vida de cinco irmás orfas dun pequeno pobo turco cambia radicalmente.
A avoa e o tío, desgustados pola suposta inmoralidade dos seus actos, deciden tomar medidas para garantir a virxindade das mozas e empuxalas cara ao matrimonio.
O ciclo Voces rotas concluirá o 27 de novembro coa película española Verán 1993, da directora Carla Simón.
Narra a historia de Frida, unha nena de seis anos adoptada tras a morte da súa nai. Afronta o primeiro verán da súa vida coa familia adoptiva, afastada de todo aquilo que coñecía. No medio do campo debe adaptarse á nova vida e ás novas persoas que a acompañan.