O Son do Camiño trae ao sueco José González en concerto a Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Tras seducir a decenas de miles de persoas co seu festival en Santiago, O Son do Camiño completará a súa programación este outono con seis concertos que se celebrarán no resto das grandes cidades da comunidade.
No caso de Pontevedra, o festival ofrecerá un concerto do artista sueco José González, un dos grandes nomes internacionais do indie folk da súa xeración. O seu concerto, o próximo 23 de outubro, será no auditorio de Afundación.
José González, de pais arxentinos, presentará o seu último disco, Vestiges and Claws, o resultado de anos de bosquexos musicais que González consegue seleccionar con mestría compoñendo un mosaico de cancións que harmonizan dunha forma perfecta.
Traballar sen produtor permitiulle crear un álbum menos purista, menos estrito. Nel pódense atopar desde cancións protesta a folk rock excéntrico. Desde frustración a optimismo. Unha colección que é á vez confiada, libre e incerta e que nos fala sobre temas existenciais en cancións que acumulan millóns de reproducións en plataformas dixitais.
O cinema, as series e mesmo os videoxogos non se resisten ao talento de González. Destaca a súa participación na banda sonora de La vida secreta de Walter Mitty protagonizada por Ben Stiller, así como nas series House, Bones ou Scrubs e no videoxogo Rede Dead Redemption.
Os seus directos, sempre acompañado da súa fiel guitarra Alhambra, son musicalmente preciosos, mentres que a súa voz percorre letras profundas dunha forma única que transmite unha forza tranquila coa que conecta co seu público.
Ademais deste concerto, O Son do Camiño trae a The Hives á Coruña (10 de novembro), a Miguel Poveda a Ferrol (3 de novembro), a Pablo López a Lugo (17 de novembro), a Rodrigo Leão a Ourense (20 de outubro) e a Mon Laferte a Vigo (7 de novembro).
As entradas para estes seis concertos, unha aposta pola variedade de estilos, sairán a venda o vindeiro luns na páxina web www.osondocamino.es.