O xurista Eduardo Soto-Trillo presenta en Bueu o thriller psicolóxico 'Yo nunca'
Por Redacción
Luís, un eterno opositor a xuíz, un rebelde sen causa, refúxiase no pobo galego da súa infancia para preparar o último exame. Alí atoparase a Carmen, fisioterapeuta, da que se namora ao pouco tempo, e a Laura, dedicada a restaurar as pinturas románicas da ermida e con quen establece unha amizade moi especial. Ao redor deses tres personaxes, o avogado e escritor de orixe pontevedresa Eduardo Soto-Trillo vertebra o seu cuarto libro, o primeiro no que se penetra no mundo da novela, e este venres preséntao en Bueu.
Residente habitual en Madrid, a súa familia paterna é natural de Vilagarcía de Arousa e adoita veranear na praia marinense de Loira. Este 2018 aproveita a estancia para presentar a súa obra. Será ás 21.00 horas deste venres 17 de agosto no Centro Social do Mar de Bueu e acompañarao Marta Díaz Marcos.
A novela, titulada Yo nunca, é un thriller psicolóxico no que as cousas non sempre son o que parecen, e o lector verase arrastrado a unha escura espiral na que todos gardan segredos sobre o seu pasado. O triángulo amoroso entre Luis, Laura e Carmen irá difuminando os límites entre a paixón e a tolemia.
O autor vai difuminando o perfil de cada personaxe, cunha invitación á reflexión sobre os crimes cometidos por enfermos mentais ou por psicópatas, as súas diferenzas e se se podería facer algo para evitalos. O autor convida o lector a reflexionar, en definitiva, sobre a sociedade na que vivimos, que dá as costas aos trastornos mentais, especialmente cando estes provocan o alleamento dunha persoa empuxándoa a cometer un asasinato.
Eduardo Soto-Trillo é avogado experto en dereito internacional humanitario e autor de tres ensaios: Voces sin voz (2002), Los olvidados (2004) e Viaje al abandono: por qué no permiten al Sáhara ser libre (2011). Esta é a súa primeira novela.