![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/534c62f405159-gedc3426.jpg)
CC BY-NC-SA Xunta de Galicia
"Visionarios", unha exposición da obra do pintor arousano Joam Berride, ata o 23 de maio en Pontevedra
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/534c631596216-gedc3428.jpg)
CC BY-NC-SA Xunta de Galicia
A sala de exposición do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra acolle ata o 23 de maio a mostra titulada Visionarios do pintor arousano Joam Berride. O artista de Vilagarcía de Arousa presenta nesta exposición varias obras pictóricas baseadas na cor e na dinámica das figuras en movemento cunha aposta evidente polas liñas curvas e as formas circulares.
Dos seus traballos a crítica destaca a "ledicia de cores" que transmiten as súas pezas; a mestura de sentimento e beleza, "de autor e pintura", pero sen abandonar a realidade que, en moitas ocasións, pode ser difícil, dura e incluso cruel. De feito, en moitas das súas composicións trata de trasladar "a beleza ata na realidade máis crúa. Pero non a beleza pola beleza, senón a beleza como catarse e salvación persoal", como asegura o escritor e músico Manuel Seixas.
Fortes azuis, amarelos intensos, vermellos case imposibles, verdes apaixoantes... grazas a eles, o artista nos permite descubrir nos seus lenzos a súa interpretación da realidade. "Unha forma de entender a representación: tanto simbólica como conceptual, unhas veces con claras alusión ao mundo animal e outras a temas cotiás, todos eles con connotacións iconográficas que conducen a descubrir paraísos soñados e utópicos", segundo matiza o doutor en Belas Artes, Ciro Sánchez.
Cores cheos de matices, gradacións, luces e tintes que nos permiten gozar, sentir e vivir a pintura de Joam Berride. Simboloxía e fauvismo unidos a unha readaptación da pintura galega na súa máis fonda esencia.
A exposición de Joam Berride permanecerá aberta na Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra ata o próximo 23 de maio en horario de 9 a 14 horas da mañá de luns a sábado.