Xulio Amigo releva a Manuel Bragado na presidencia da asociación Culturgal
Por Redacción
A directiva da Asociación Culturgal aprobou o pasado mes o relevo na presidencia da mesma co nomeamento de Xulio Amigo, director comercial da Editorial Galaxia e que xa exerceu o mesmo cargo na feira.
Xulio Amigo releva a Manuel Bragado, presidente de Culturgal desde o ano 2014.
Culturgal está integrada pola Asociación Galega de Editoras (AGE), Escena Galega, Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e Asociación de Empresas Galegas Adicadas á Intenet (EGANET). Culturgal celébrase en 2018 do 30 de novembro ao 2 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Nun comunicado feito público este luns, o Culturgal sinala que Xulio Amigo reincorpórase á presidencia "con moita ilusión e forzas renovadas, e co convencemento de que o estado de saúde da feira é excelente". "Nas dez edicións anteriores logramos construír unha marca de enorme valor, atraer e comprometer o público e consolidar un equipo de traballo cualificado e implicado", sinala.
Desde o recambio na presidencia aprobado en xunta directiva hai unhas semanas, Xulio Amigo traballa co resto das asociacións gremiais no deseño dun modelo estratéxico de feira a catro anos "con obxectivos claros: estabilidade orzamentaria, dixitalización dos procedementos de relación co público, provedores e expositores, apertura da feira a novos perfís de consumidor cultural e favorecer o diálogo con artistas, creadores e axentes de culturas da contorna".
O presidente da Culturgal agarda que ese traballo emprendido sexa xa visible na décimo primeira Culturgal, en 2018.
Relacionadas:
-
Saen á venda as entradas para o Culturgal 2018
Por Redacción |
-
O público do Culturgal "levará o compás" na undécima edición da feira
Por Alejandro Espiño |
-
Un concerto de Carlos Núñez porá a guinda á programación escénica de Culturgal
Por Alejandro Espiño |
-
Culturgal 2018 arranca coa convocatoria de espectáculos especiais
Por Redacción |