Catro concertos polas parroquias para poñer en valor a cultura musical de Barro
Por Redacción
Barro, sobre todo desde que existe a banda xuvenil, é unha canteira de mozos e mozas que atoparon na música a súa afección e, en moitos casos, a súa profesión. Para poñer en valor esta tradición musical, a Asociación Cultural Barosa organiza desde o próximo 28 de abril o I ciclo de concertos Música nas parroquias. Serán catro concertos por todo o municipio.
Segundo sinalou o presidente desta asociación cultural, Roberto Rivas, "a calidade musical que atesouran estes músicos é sobradamente recoñecida" e, por iso, decidiron organizar este ciclo de concertos, "co obxectivo de achegar a música aos nosos veciños e veciñas, ao mesmo tempo que facemos un recoñecemento a eses mozos e mozas que, con moito esforzo e adicación, levan con moito orgullo o nome de Barro polo mundo adiante".
Este ciclo consta de catro concertos:
- Igrexa de Perdecanai. Domingo 28 de abril ás 20 horas., a cargo de Cristian Búa (frauta), Oscar Tarrío (Trombón), Iván Abalo (trompeta) e o Grupo de Metais da Banda Xuvenil de Barro.
- Igrexa de Agudelo. Sábado 4 de maio ás 21 horas, a cargo de Iván Abal (zanfona), Adrián Silva (frauta) e Jorge A. González (marimba).
- Igrexa de Curro. Domingo 12 de maio ás 20 horas, a cargo de Martín Fontán (saxo), Cristina García (Trompa), Nieves García (frauta) e Laura Juncal (cello)
- Pazo da Crega. Venres 24 ás 21:30 horas. O CONCERTO DOS CANDÍS. Prégase traer candís da casa
Este ciclo terá continuidade con outros e abarcará a totalidade das parroquias do concello.