'Crea 8 de marzo Cinema': As mulleres tamén dirixen
O Cineclube de Pontevedra acollerá a partir do mes de marzo un ciclo de filmes dirixidos por mulleres baixo o proxecto 'Crea 8 de marzo Cinema'. Esta selección de películas será exhibida no Teatro Principal de Pontevedra, de maneira paralela e independente á programación regular do Cineclube, proxectada todos os martes as 20.30 horas.
Estes catro filmes tratan de historias de mulleres contadas por mulleres, co obxectivo de destacar o traballo destas directoras, nun gremio no que todavía non acadaron o recoñecemento que merecen. Só na provincia de Pontevedra existen máis de 70 mulleres cineastas.
A primeira das películas, 'Visións', exhibirase o luns 5 ás 20.30 horas. Trátase dunha colaboración entre dez directoras de Pontevedra no marco do programa Cinema e Muller . A segunda, 'Alanis', conta a historia dunha traballadora sexual que ten que sacar adiante ao seu fillo, nunha continua loita por atopar o seu lugar. A cinta, que recibiu o premio Cuncha de Prata á mellor dirección e á mellor interpretación feminina, será proxectada o luns 12 de marzo.
'Toni Erdmann' será o seguinte filme exposto no Teatro Principal de Pontevedra, unha película recoñecida a nivel internacional no Festival de Cannes e premio da Federación Internacional da Prensa Cinematográfica en 2016. A directora, Maren Ade, é a primeira muller recoñecida con este galardón. O público poderá gozar desta reflexión sobre a vida dunha exitosa muller o xoves 22 de marzo.
Por último, 'A cicatriz branca', filme de Margarita Ledo e ambientada na primeira metade do século XX, versa sobre a vida das mulleres que emigraron de Galicia cara América nestes anos. Exhibirase o luns 26 de marzo e completará un ciclo de películas co que o Cineclube de Pontevedra, coa colaboración da Concellería de Igualdade, quere rendir unha homenaxe ao traballo dunhas mulleres que loitan cada día por facer visible o seu traballo no mundo do cine.