Audiovisual para ver os tres lustros de solidariedade do Fondo Galego de Cooperación
Por Redacción
O próximo luns 22 de abril, o Pazo de Mugartegui acollerá ás 8:30 da tarde a proxección do audiovisual O Fondo Galego: compromiso coa solidariedade do Fondo Galego de Cooperación e da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO).
O Fondo Galego de Cooperación está integrado por 93 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo que concentran a través desta rede os esforzos na cooperación ao desenvolvemento. O colectivo realiza proxectos en países do Sur e procura sensibilizar da sociedade galega a favor da solidariedade internacional. O Fondo Galego xa realizou 142 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades en relación coas diferenzas que existen entre o Norte e o Sur.
O concello de Pontevedra colabora con estas propostas cunha axuda anual de 15.000 euros co que se desenvolven proxectos en Nicaragua, Cabo Verde ou Haití. No ano 2011 aumentouse esta contía en 11.000 euros para traballar na Rehabilitación das casas de Eito II no Lugar de Lombo Comprido en Cabo Verde. A través dese labor reparáronse fachadas, construíronse cuartos de baño e empedrados de rúas.
O audiovisual que se proxecta o luns estrutúrase en tres partes. A primeira céntrase no tipo de cooperación que promove o Fondo Galego. Na segunda explícanse os proxectos realizados en Cabo Verde, Nicaragua e Cuba. E o documental, realizado por Agareso, finaliza cun percorrido por diferentes actividades como exposicións, contacuentos ou teatro social que se desenvolven a través desta rede.