Vermú de poesía e reflexión na libraría Paz con Tamara Andrés
Por Redacción
A libraría Paz acolleu o pasado sábado un Vermú entre libros con Tamara Andrés arredor da súa obra Corpo de Antiochia, editada por Editorial Galaxia a finais de 2017.
Os Vermús de Paz, recoñecidos e premiados o pasado ano na Gala do Libro Galego como a principal iniciativa cultural e de fomento á lectura máis destacada de Galicia, acolleron desta volta unha conversa entre a poetisa de Combarro e o tamén poeta e periodista Marcus Daniel Cabada.
Corpo de Antiochia, elixida por Fervenzas Literarias como unha das mellores obras en verso do 2017, deu pé a un minucioso diálogo sobre os aspectos máis encubertos do poemario a través da psicoloxía da linguaxe, da representación da memoria na identidade poética, da beleza modulada no eido literario, da simboloxía no illamento ou da purificación rumbo á consecución da liberdade.
A charla concluíu cun animoso debate cos lectores no que vencellaron os aspectos tratados á realidade social e poética nos tempos de hoxe.
Corpo de Antiochia é, segundo Editorial Galaxia, unha forma de viaxe a través do tempo, das cronoloxías e das maneiras de mirar dunha poeta que quere, nun verso, atrapar os mundo, físicos ou simbólicos, que a circundan. Tamara Andrés demostra aquí que é xa moito máis ca unha poeta nova. É unha voz poderosa de seu.