O Pazo provincial acollerá varios actos institucionais de "reparación da memoria histórica"
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra organiza uns actos institucionais de "reparación da memoria histórica" que terán lugar do 6 ao 10 de novembro no salón de plenos do Pazo provincial. Todos os actos programados terán lugar ás 20.30 horas.
Así, o luns arrancarán estes actos ao redor da proposta "San Simón, Illa da Memoria" coa proxección do documental "Aillados" e as intervencións de Antón Caeiro da Asociación O Faiado da Memoria e Matías Rodríguez Datorre da Iniciativa Galega pola Memoria.
O martes terá lugar a presentación do libro "Memorias de sal e terra. O ensino no concello de Marín (1867-1940)" de Celso Xavier Milleiro e Xosé Manuel Moreira e editado pola Deputación de Pontevedra. Contará coas intervencións de Enriqueta Otero da Asociación da Memoria de Marín e do autor do libro, Celso Milleiro.
A xornada do mércores acollerá o "Recital pola Memoria" a cargo das poetisas Elisabeth Oliveira, Marta Dacosta, Miriam Ferradáns, Lucía Novas, Xosé María Álvarez Cáccamo e Luís Chapela. Ao finalizar haberá micro aberto.
A inauguración da exposición "Rexas. Mulleres baixo o terror franquista" será o xoves e virá acompañada dun coloquio a cargo da comisaria Montse Fajardo xunto con familiares de mulleres represaliadas na comarca de Pontevedra.
Finalmente o venres 10 o salón de plenos da Deputación acollerá un concerto da Orquestra de Cámara Galega.