Música galega en favor dos nenos con parálise cerebral
Por Redacción
Catro bandas destacadas do panorama musical galego uniranse o vindeiro martes 31 de outubro para ofrecer, a partir das 20.30 horas, un concerto benéfico no Teatro Principal de Pontevedra en favor de nenos con parálise cerebral.
Trátase dun concerto que busca recadar fondos para a asociación Amencer, centrada no traballo con nenos e nenas afectados de parálise cerebral.
Este concerto conta cun completo e variado cartel formado pola banda de folk-rock mariñeiro das Rías Baixas Flip Corale y los Macabros, a nova cantautora e actriz Cora Sayers, a emblemática banda viguesa Eladio y los Seres Queridos xunto a Pablo LeSuit e o melódico grupo de pop-rock Bétula Péndula.
As entradas para este evento solidario poden adquirirse en varios puntos de venda físicos, como El Pequeño ou Bullit Store, ou online a través da páxina web notikumi.com. O seu prezo é de 7 euros en compra anticipada e de 9 euros en despacho de billetes.