Def Con Dos, principal atractivo do festival Armadiña Rock
Por Redacción
O festival Armadiña Rock, que se celebrará na praza da Chousa de Combarro entre os días 25 e 28 de agosto, logrou xuntar un dos carteis más completos de todos os eventos musicais que terán lugar en Galicia durante este verán. Un dos seus principais atractivos, segundo confirmaron os seus organizadores, será Def Con Dos.
A banda liderada por César Strawberry é un dos grupos con maior traxectoria no panorama español. Traerá polo mar da ría de Pontevedra as ondas contundentes do seu rap-metal e as súas letras cheas de ironía e cunha forte compoñente de compromiso social.
Xunto a eles, o Armadiña Rock confirmou a presenza dos pontevedreses The Soul Breakers, os composteláns DeLombaos, os bueueses The Skarnivals e o incombustible Leo i arremecaghona -libertador de Coristanco- que regresa por terceira vez ao festival.
Con estas confirmacións, o Armadiña manterá as liñas que o definen dende os seus comezos, xa que o cartel estará composto das mellores bandas galegas e estas estarán acompañadas con bandas de referencia a nivel estatal coma europeo.
Estas bandas súmanse ás que xa foron anunciadas en datas anteriores: Heredeiros da Crus, Talco, Dakidarría, Ruxe Ruxe, Bala, Blues de País, Katai e Brinkadelia Troupe.
O Armadiña Rock conta coa colaboración do Concello de Poio, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia.