Avelaíña Teatro presenta en Mourente 'A Lola', unha obra sobre mulleres na represión franquista
Por Redacción
A compañía de teatro afeccionado de Pontevedra Avelaíña Teatro representará, este sábado 13 de maio ás 21.00 horas nas instalacións da Sociedade Cultural e Deportiva de Mourente, a obra 'A Lola', escrita polo profesor Manel Ayán.
A obra simboliza no personaxe da Lola a todas aquelas mulleres que sobreviviron aos seus seres queridos, arrebatados polo terror franquista.
A historia xoga con situacións que se producen a mediados dos anos 60 con outras que fan referencia á II República e aos tempos posteriores ao golpe militar de xullo de 1936.
A trama céntrase na influencia que o golpe franquista tivo nas condutas de varias xeracións. Desta forma recréase o ambiente, os ideais e confrontacións entre dúas formas de entender a sociedade, os valores da tradición patriarcal fronte ao proxecto de progreso e liberdade.