The Waterboys actuará o 4 de agosto na Festa do Albariño de Cambados
Por Alejandro Espiño
A banda británica The Waterboys, liderada polo emblemático Mike Scott, será unha das grandes apostas musicais da 65 edición da Festa do Albariño de Cambados.
Actuarán o 4 de agosto na Praza de Fefiñáns. Será un concerto que, ademais, servirá para celebrar que Cambados é este ano Cidade Europea do Viño.
As actuacións da banda son sempre unha impresionante mostra de poderío, cun Mike Scott pletórico sobre o escenario e destilando sempre rock con maiúsculas.
Poucas bandas cambiaron tanto como o fixo The Waterboys. Formados en 1983, nos seus tres primeiros discos Mike Scott esculpía un son post-punk en capas que culminou con This is the Sea en 1985.
Desde entón a súa música non deixou nunca de evolucionar, desde a influencia de mestura de estilos celta, gospel, country e rock no clásico Fisherman's Blues, á paixón poética acesa de An Appointment with Mr. Yeats de 2011 e o seu aclamado regreso, no 2015, á música de raíz, o funky en Modern Blues.
A actuación en Cambados será gratuíta e forma parte da programación que o Concello está a ultimar para celebrar a Festa do Albariño.