As grandes lendas da música reúnense no Principal na voz de Silvia Alonso
Por Redacción
Elvis Presley, Frank Sinatra, Shirley Bassey, Aretha Franklin, Ella Fitzgerald ou Gloria Gaynor. Son tan só algunhas das grandes figuras da música que son homenaxeadas no espectáculo Icons da artista galega Silvia Alonso. Os pontevedreses poderán gozar con el este venres 24 de febreiro, a partir das nove da noite, no Teatro Principal.
A cantante ourensá fai neste espectáculo un percorrido pola historia da música dos anos 50 en adiante, hora e media de concerto ao máis puro estilo Broadway.
Silvia Alonso, destacan desde a promotora, ten unha voz desas difíciles de esquecer, unha tonalidade diferente coa que consegue cantar dende clásicos como o New York de Frank Sinatra ata temas rockeros, boleros ou puro soul.
Aínda que a súa voz portentosa é capaz de encher o escenario por ela mesma ou acompañada só por un piano, a súa banda está formada por profesionais que nada teñen que envexar aos mellores músicos do mundo.
Con dous discos no mercado, Indoors (Zouma Records, 2014) e Icons (Rock CD Records, 2015), está a preparar un terceiro que sairá en 2017.
A entrada ao espectáculo é de balde ata completar o aforamento do Teatro Principal.