O departamento provincial de Cultura e Lingua levou 210 actuacións aos concellos da provincia
Por Redacción
O deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, fixo balanzo do traballo realizado polo seu departamento durante este exercicio. En actuacións directas como complemento ás programacións locais, a Deputación achegou un total de 210 actuacións entre exposicións, contacontos, musica, teatro e obradoiros infantís.
Ademais, no apartado de apoio aos concellos tamén contabiliza a liña de axudas específicas para normalización e dinamización da lingua, a liña de axudas para sinalización dos elementos patrimoniais e a liña de axudas para rehabilitación do patrimonio histórico e artístico.
O balanzo complétase co apoio do departamento provincial de Cultura e Lingua aos concellos que optaron por participar no Culturgal conxuntamente coa Deputación por segundo ano consecutivo, e coas achegas do servizo provincial de Publicacións ás bibliotecas e puntos de lectura municipais.
"Neste exercicio iniciamos un novo xeito de traballar, da man dos concellos, como nos corresponde, sumando esforzos para que toda a sociedade, viva onde viva, teña un acceso real á cultura de calidade e profesional" indicou Xosé Leal. Engade, ademais, que "penso que puxemos de manifesto a calidade de multitude de propostas, unhas de pequeno e outras de gran formato, con variedade de disciplinas, e priorizando as que proceden de profesionais e formacións radicadas na nosa provincia".
O servizo de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra habilitou neste exercicio unha convocatoria novidosa, xa que por primeira vez convocou axudas para a dinamización lingüística dirixidas aos concellos e outras entidades locais da provincia, por un importe total de 150.000 euros, co obxecto de consolidar o uso do galego como lingua de traballo e comunicación nos concellos e nas súas relacións coa cidadanía.
Grazas a esta axuda, 36 concellos e a Entidade Local Menor de Bembrive tiveron apoio económico para os seus programas de dinamización da lingua ou para crear ou manter o departamento de Normalización Lingüística. A maioría das entidades solicitantes optaron polos programas de dinamización da lingua, un total de 30, mentres que 7 solicitaron axuda para o servizo de normalización.
Nas liñas de apoio aos concellos, o departamento de Cultura e Lingua habilitou dúas máis: dunha banda, a destinada a rehabilitación e restauración de elementos patrimoniais e, doutra, a dirixida a actualizar e mellorar a sinalización do patrimonio histórico e cultural.