A Casa das Campás acolle a presentación do libro "Filocalía de los padres népticos"
Por Redacción
Vén de ser publicado o primeiro tomo dunha nova versión en castelán da Filocalía, pola editorial Monte Casino, pertencente á Comunidade de Benedictinas de Zamora. O libro foi introducido e traducido polo pai cistericense Juan María de la Torre, de Oseira. Trátase dun arduo traballo de gran coñecemento da Patrística, do grego antigo e de exégesis bíblica, xunto con moita paciencia e dedicación e agarimo cara á realidade monástica.
Este monxe estivo de capelán no Mosteiro da Armenteira durante vinte e cinco anos, ata hai tres. Agora está no Mosteiro de Oseira. Foi profesor da Escola de Teoloxía para seglares en Pontevedra.
A obra titulada "Filocalía de los padres népticos", será presentada pola irmá Paula Téllez, do mosteiro de Armenteira e terá lugar este mércores día 14 ás 20,00 horas, na Casa das Campás.
Filocalía significa amor á beleza, e é que para os habitantes do deserto de Exipto (século IV) e para os monxes do monte Athos (Grecia), dez séculos despois (s XIV), a práctica do silencio da mente e do corazón -para os primeiros-, e a oración de Xesús -para os segundos-, era fundamental para alcanzar o máis belo e o máis bo: a unión coa Beleza divina e increada ou o amor de Deus como fonte de todas as cousas belas.
Atopámonos nas mesmas raíces do monacato cristián, cando ermitáns e anacoretas, poboaban os desertos de Exipto, Siria, Palestina e a península do Sinaí. Aquí naceu a gran descoñecida tradición hesicasta, é dicir, a oración baseada no silencio e acompañada da respiración. Si, parece que isto é máis propio da sabedoría Zen que do cristianismo, pero ao principio non foi así, de feito, o Zen iníciase en China cando a gran era dos Pais do Deserto aproximábase ao seu fin en Exipto.
A ver se adiviñas a quen pertencen estes textos, aos pais da Filocalía ou autores actuais?
- Fijos en las palabras escuetas de la oración y únicamente en ellas; no admiten nada más, ni del exterior ni del interior, para mantener así la mente absolutamente sin forma y límpida.
- La sobriedad solo puede venir de dentro.
- No te figures la divinidad en tu oración y no permitas a tu mente que reciba la impronta de cualquier forma, sino permanece inmaterial en presencia de lo inmaterial; y entonces comprenderás.
Se queres saber o resultado, a presentación será este mércores día 14, ás 20 horas na Casa das Campás.