A Asociación de Mulleres do Verdugo representa "O anel máxico" na Casa do Pobo de Cuñas
Por Redacción
O teatro será protagonista na Casa do Pobo de Cuñas este próximo sábado, día 3, a partir das 20.30 horas. O grupo da Asociación de Mulleres do Verdugo estrea a súa última montaxe con "O anel máxico", unha obra do autor francés Carlo Goldoni, datada en 1770, pero que foi adaptada recentemente por Cándido Pazó.
O grupo teatral caldelán afronta, con esta, a súa terceira obra. Está formado por oito integrantes que senten paixón polo mundo da escea e xa fixo varias representacións polos concellos da bisbarra.
"O anel máxico" é unha comedia de carácter que conta a historia de Arlecchio, un vendedor de queixos que, abrumado polos ciumes da súa muller, decide fuxir. A causa do golpe emocional queda desmemoriado ata que recibe un anel máxico dunha meiga. A partires de aí, vese envolto nunha serie de divertidos enredos.
A Asociación de Mulleres do Verdugo é unha potente agrupación cultural que conta, na actualidade con 85 socias. Desenvolven todo tipo de actividades na súa meirande parte relacionadas coas manualidades, pero tamén hai un grupo de andainas, además da súa propia sección teatral, que botou a andar hai uns cinco anos coa estrea de "Os vellos non deben de namorarse".
Nos últimos meses, Ponte Caldelas está a destacar por unha intensa actividade teatral, impulsada polo Concello, pero tamén polo propio tecido social como é o caso. As casas do pobo están a cobrar un especial protagonismo neste pulo cultural e xa son varios os lugares onde tiveron lugar representacións con gran éxito de público.