A Sala Karma trae a Pontevedra a Howe Gelb Piano Trio
Por Redacción
Howe Gelb, líder da banda Giant Sand e cunha longa traxectoria dentro do country alternativo e a música americana fronteiriza, é a aposta desta semana do ciclo SON Estrela Galicia en Pontevedra. O de Arizona actuará este mércores 23 de novembro, a partir das nove da noite na Sala Karma.
Tras conxelar o seu principal proxecto musical Giant Sand, grupo que lideraba desde hai máis de tres décadas, o artista estadounidense penetra en territorios jazzísticos co seu novo traballo Future Standards, co que chega á cidade do Lérez.
Aínda que o de Tucson mantivera unha carreira en solitario moi frutífera o futuro era unha incógnita, xa que os discos baixo o seu nome quedaban á sombra do seu proxecto raíz aínda a pesar de manter o marcado carácter fronteirizo con directas similitudes a Giant Sand.
Con este novo traballo, Gelb dá un xiro completo á súa traxectoria. A súa mirada outsider diríxese o son do góspel primigenio e o rhythm and blues, o jazz de club, pausado e co fume dos cigarros no ambiente.
As entradas para este concerto están á venda, a un prezo de dez euros, en www.ticketea.com.