Afundación porá á venda os seus abonos da tempada teatral de outono o 21 de xullo
Por Redacción
O xoves 21 de xullo poñeranse á venda os abonos para a nova tempada teatral da Fundación Galicia Obra Social (Afundación) en Pontevedra. Estarán dispoñibles ata o 9 de setembro, data na que está programado o inicio da venda de entradas soltas.
Todas as compras poden realizarse a través das canles habituais de venda de Afundación en ataquilla.com e a través do teléfono 902 504 500. Os abonos supoñen un desconto do 20 por cento con respecto aos prezos dos billetes soltos e, ademais, Afundación ten en marcha unha política de bonificacións e descontos para desempregados, xubilados e mozos que supón unha rebaixa adicional dun 10 por cento.
A programación da nova tempada terá tres obras e un ton moi social. Inauguraraa o 6 de outubro ás 20.30 horas Gibraltareña, unha obra escrita e dirixida por Juan Luís Iborra e representada por Elisa Matilla que versa sobre a prostitución no Xibraltar da década dos 70 cun enfoque moi emocional.
A segunda será El pequeño poni o 21 de outubro ás 20.30 horas. Escrita por Paco Becerra e baixo a dirección de Luís Duque, toma como punto de partida un coñecido caso de acoso escolar que padeceu un neno estadounidense en 2014. A adaptación teatral da historia lévana a cabo María Adánez e Roberto Enríquez, que encarnan aos pais do pequeno Luismi e loitarán por salvagardar os dereitos do seu fillo.
Milagro en casa de los López pechará a tempada o 19 de novembro ás 20.30 horas. Versionada e dirixida por Manuel Gancedo, está considerada como unha das máis hilarantes propostas de Miguel Mihura. Forman parte da repartición Nuria González, Nacho Guerreros, Juan Antonio Molina, Elisa Lledó, Ana Mayo e Nacho del Valle.