![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/385/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MgJyq/Lzc52L8gt0zCwMdI_/_wNDHSSU/NKUot0SvILlKxrAQ==_/5750250b76-img_7084-1-.jpg)
CC BY-NC-SA PontevedraViva
Os músicos de Salcedo renovan o seu convenio co Concello
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Un total de 32.625 euros destinará este ano o Concello de Pontevedra para o convenio coa asociación músico-cultural San Martiño de Salcedo, unha colaboración económica que segundo os responsables deste colectivo é "vital" para financiar as súas actividades.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da asociación, Manuel Gálvez, foron os encargados de selar a renovación deste convenio polo que a asociación se compromete a ofrecer dez actuacións na cidade.
O diñeiro, segundo Manuel Gálvez, "nos permite seguir adiante" non só coa actividade da Banda de Música de Salcedo, senón co resto da oferta cultural e musical da asociación, entre elas a banda xuvenil, o coro ou a escola de música.
Fernández Lores destacou que a asociación San Martiño exerce unha función social moi importante, xa que á súa escola acoden alumnos non só de Pontevedra senón de toda a comarca e a súa banda de música "compite a nivel internacional", adquirindo ano tras ano un maior nivel artístico.