![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MgJyq/Lzc52L8gt0zCwMdI_/_wNDHSSU/NKUot0SvILlKxrAQ==_/5353059344e83-ses3.jpg)
CC BY-NC-SA Cantos na Maré
Sés e Aid xúntanse por primeira vez no escenario para homenaxear a Rosalía de Castro
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Pontevedra xuntará por primeira vez nun escenario a dúas das grandes revelacións da música galega actual, a rapeira Aid (que publicou no 2012 o disco libro Rapoemas, con versións rapeadas de poemas rosalianos) e Sés, que está a ter unha grande proxección no panorama musical galego despois da publicación do seu primeiro disco.
A cita será o venres 22 de febreiro no marco dun acto literario musical organizado pola Concellaría de Cultura para conmemorar a data de nacemento de Rosalía de Castro, que se celebra no 24 de febreiro e que figura no calendario das letras coma Día de Rosalía.
O festival será conducido pola actriz e cineasta Comba Campoy e na parte literaria destaca a participación de representantes de diferentes xeracións: a pontevedresa Elvira Riveiro, autora de varios libros; a xovencísima Rosalía Fernández Rial, e autores de longa traxectoria como Anxo Angueira ou Marga do Val.
A conmemoración ten un significado especial por coincidir cos 150 anos da publicación do libro de poemas Cantares Gallegos (1863), obra que sentou as bases do Rexurdimento cultural e literario do século XIX.