Animan a facer películas sobre arqueoloxía máis alá de Indiana Jones
Por Redacción
O responsable de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal presentou este mércores o proxecto 'Telearqueoloxía' concibido para que tanto persoas físicas como colectivos participen na posta en valor da riqueza arqueolóxica da provincia e na súa difusión a través dun concurso de curtametraxes sobre esta temática.
Tanto o deputado como o director do Museo, Carlos Valle, fixeron especial fincapé en destacar a importancia do uso dos formatos dixitais e audiovisuais para promover a investigación e a difusión da arqueoloxía.
No marco do proxecto 'Telearqueoloxía' establécense tres fases.
A primeira delas, denominada Arqueo-rede, vai encamiñada a crear grupos de traballo. No Grupo Menhir incluiranse as persoas físicas: investigadores, docentes e profesionais do ámbito da historia, da arqueoloxía, das ciencias sociais e da comunicación; e no grupo Dolmen integraranse os concellos, universidades, museos, centros de estudos arqueolóxicos, e asociacións culturais, ambientais e veciñais.
Unha segunda fase, a celebrar ata o mes de outubro, contempla a realización de obradoiros formativos, tanto de investigación arqueolóxica como de vídeo-investigación.
Finalmente, entre os días 14 e 16 de decembro, celebrarase o festival audiovisual de curtametraxes de temática arqueolóxica, con dúas categorías. A categoría "Lascas" para curtametraxes dun máximo de 5 minutos realizadas por menores de 18 anos; e a categoría "Bifaces" para curtametraxes dun máximo de 15 minutos realizadas por maiores de idade.