Juan Carlos Vilar presenta a súa Realidade relativa pontevedresa
Por Redacción
Fachadas, prazas, pontes... cada esquina de Pontevedra aparece recollida nas obras do pintor Juan Carlos Vilar. Este artista pontevedrés presenta os seus últimos traballos na exposición que se pode visitar durante este mes de febreiro no edificio da Delegación da Xunta de Galicia en Pontevedra.
Baixo o título Realidade relativa, Vilar presenta obras pictóricas realizadas a tinta e acrílico, a maioría delas en pequeno formato aínda que tamén ofrece obras de maior tamaño nas que se poden contemplar imaxes que recollen o estilo dos antigos tapices e dos códices medievais.
O pontevedrés é un creador autodidacta que lle outorga unha grande importancia á cor e á luz. Dende hai anos expón e algúns dos seus cadros foron adquiridos por coleccionistas de Estados Unidos e México. Mesmo a crítica o considera un mestre no manexo da pluma.
Os seus traballos céntranse en naturezas mortas e en paisaxes cuxo principal protagonista é a pedra. Así, o centro histórico de Pontevedra é un dos seus principais motivos pictóricos.
A exposición pode visitarse ata o 28 de febreiro en horario de 9 a 14 horas da mañá de luns a sábado, e de martes a venres de 18 a 21 horas.