Nada Surf: "Non caímos no erro de ter un son fixo. Hai grupos que acaban sendo caricaturas de si mesmos"
Por Alejandro Espiño
Vinte anos despois de editar o seu primeiro disco, os neoiorquinos Nada Surf seguen demostrando que están en plena forma. A principios deste ano sacaron ao mercado You Know Who You Are (Ernie Records, 2016), o seu oitavo álbum e o primeiro como cuarteto. Con el debaixo do brazo embarcáronse nunha xira europea que reservou tres datas para España, unha delas no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Na cidade do Lérez actuarán o vindeiro venres 29 de abril, ás nove da noite. Será un concerto especial para eles, como recoñece Daniel Lorca, baixista da banda. Atende a PontevedraViva desde Múnic (Alemaña), onde tocaron con gran éxito hai uns días. Con el falamos da traxectoria do grupo, deste novo disco que presentan en Pontevedra e da conexión especial que o público español ten con eles.
Contento de regresar a España?
Como para non estalo... Teño moitas ganas para comer ben (ri). Trátannos moi ben e gústanos moito tocar alí. Foi o laboratorio onde exploramos como ser independentes. Foi aí cando rompemos coa compañía de discos e aliámonos cun selo local e cando os grupos só tocaban en Madrid e Barcelona nós percorriamos o país. Foinos sempre moi ben. De feito esta xira montámola cos nosos promotores locais.
E ademais o público español sempre vos recibiu moi ben...
En España sempre houbo unha gran cultura de rock&roll. Cando trouxen por primeira vez á banda a Madrid, leveinos ao barrio de Malasaña. Propúxenlles entrar en cada bar onde soase unha canción que lles gustase. Iamos á praza do 2 de maio e non chegamos nin á metade da rúa (ri). Co meu grupo anterior vendiamos moitos discos en Madrid. Hai grupos boísimos que apenas son coñecidos en Italia ou Francia e aquí teñen lexións de fans.
E con Pontevedra tamén tedes unha vinculación especial, non?
Pois si. A nosa discográfica local, Ernie Records, é de aí. Son unha xente estupenda. Sempre que puidemos actuamos por aí. Non é fácil porque facemos xiras dun mes por Europa e en España adoitamos dar dous ou tres concertos. Pero estivemos en salas e festivais, lembro un Festival do Norte hai uns anos e actuacións incribles na Iguana de Vigo.
Volvedes á carga con novo disco tras catro anos en silencio, por que ese descanso?
Foi un respiro á mantenta. Necesitabamos estar coa familia. Se estás sempre de xira é unha putada para eles, sempre estás fóra. E aguantar iso é difícil. Propuxémonos sacar un par de singles de cando en vez, explorando o mundo dixital, e irnos só dúas semanas de xira primeiro por Europa e logo pola costa leste americana. Pero ao final fixémolo fatal e paramos máis do que planearamos. É o único descanso que tivemos nunca.
Pero non vos afastastes moito da música, verdade?
Pois non, ademais de estar cos teus fixemos outras cousas. Houbo vida fóra de Nada Surf, pero tamén seguimos gravando. De feito foi todo un pouco tolo. Metiámonos no estudo, acababamos tres temas e deixabamos outros seis a medias. E ao día seguinte no canto de acabar os que xa empezaramos faciamos outros. Ao final xuntámonos con 18 temas.
E que fixestes con tanto material?
Pensamos a posibilidade de sacar á venda un dobre LP. Queriamos facelo. Pero todo o mundo preguntounos se estabamos parvos. Todos os selos cos que traballabamos dixéronnos que un disco dobre non. Que fixésemos como quixésemos, pero que acabásemos só un. E creo que iso acabou marcando o disco. Nas dez cancións novas hai un pouco de todo, algunhas mesmo soan ao noso primeiro álbum e outras a sons posteriores.
"Se nos fixásemos na discoteca que teñen en casa os fans de Nada Surf veriamos que é mil veces mellor que a dun fan de Coldplay"
En certa maneira soa como que este You Know Who You Are é unha especie de disco recompilatorio, só que no canto de grandes éxitos resumides os sons que probastes...
Si, é algo así. Temos a sorte de que non caemos no erro de ter un certo son fixo. Hai grupos que me dan pena. Son moi bos pero acaban sendo caricaturas de si mesmos e os fans quéixanse. Nós fixemos sempre cousas diferentes desde o principio, de feito se non coñeces a nosa música podes chegar a pensar que estás a escoitar a dous grupos totalmente distintos, aínda que o fondo soemos a nós.
E os vosos fans acolleron ben estes cambios sonoros?
Eu sempre digo que Nada Surf ten aos mellores fans do mundo. Dínnolo todas as bandas coas que tocamos. Son moi respectuosos e escoitan sempre con moita atención. Eu creo que tamén é pola súa gran cultura musical. De feito, se nos fixásemos na discoteca que teñen en casa os fans de Nada Surf veriamos que é mil veces mellor que a dun fan de Coldplay. Son incribles. Estamos moi orgullosos de todos eles.
E vós que levades máis de vinte anos na música, como vedes o panorama actual?
Eu creo que estamos nun período de transición. Aínda estamos a pagar a merda que deixaron as compañías de discos. Fomos moitos os que alertamos no seu día que co MP3 e internet a xente ía baixarse a música de aí. E as discográficas dicíannos que non. Non se deron conta do que ía pasar. Faltou visión pola súa banda e non aproveitaron que a xente quería seguir escoitando a música de forma honesta, achegando diñeiro e sen roubar nada.
Está a verse agora con iTunes e plataformas similares, onde cada vez se compra máis música de forma legal. Con Spotify non, que non se gaña nin un duro, aínda que supoño que iso cambiará pronto. Pero tamén che digo que os grupos somos igual de pobres que antes. O bo é que agora hai máis xente que che pode escoitar. Eu prefiro mil veces non ter un duro e que a miña música a escoite moita xente.