Coque Malla actuará o 21 de maio en Vilagarcía cun concerto gratuíto na Xunqueira
Por Redacción
Coque Malla será o prato forte das celebracións que Vilagarcía está organizando na honra de Santa Rita, segundo aprobou este luns o goberno municipal. O concerto celebrarase o sábado 21 de maio, ás once da noite, na Xunqueira e será de balde.
O que fora vocalista de Los Ronaldos presentará o seu último traballo discográfico en solitario El último hombre en la tierra, editado hai menos de dous meses.
A Concellería de Cultura pretende que, como xa o é dende hai décadas en San Roque, a programación festiva de Santa Rita, que este ano será do 20 ao 23 de maio, tamén conte cun concerto de sona e de balde como espectáculo fixo.
O goberno municipal agarda que a actuación de Coque Malla sexa todo un atractivo para os numerosos vilagarciáns que saen ás rúas a véspera de Santa Rita.
Dada a circunstancia de que este ano o 22 de maio cae en domingo, tamén se espera que sexan moitos os veciños de municipios da zona que se acheguen á vila para gozar do ambiente festivo, tendo este ano ademais o aliciente de contar co concerto de Coque Malla nas inmediacións de Vista Alegre, epicentro destas festas.
O departamento de Cultura está ultimando o resto dos actos lúdicos, culturais, deportivos e festivos que conformará o programa das festas de Santa Rita 2016.
A Xunta de Goberno tamén aprobou trasladar o festivo local ao luns 23 de maio, polo que as festas prolongaranse ata esa xornada, que non será laboral en Vilagarcía.