Ao teatro a bordo do tranvía de Marín
Por Mónica Patxot
A compañía Fantoches Baj chegará ao longo desta semana a preto de 3.000 escolares de primeiro e segundo de primaria de 44 centros educativos de Pontevedra coa obra Rodarirrodari (Contos do tranvía).
Nos seus dous primeiros días, mércores e xoves, os pequenos xa demostraron unha gran implicación cun espectáculo que conxuga narración oral, monicreques e acompañamento musical en directo. Foi en dúas sesións de mañá duns 500 escolares cada unha.
As representacións repetiranse este venres 4 no auditorio da sede Afundación de Pontevedra. Parten da domesticación dun animal, o burro, para chegar ao uso e abuso das novas tecnoloxías, todo baseándose nos contos tradicionais de Gianni Rodari e usando o tranvía de Marín como medio de transporte do espectáculo.