O grovense Rubén Domínguez lanza "Pranto", o seu primeiro disco en solitario como Pantis
Por Redacción
O músico grovense Rubén Domínguez, integrante do grupo Chicharrón, decidiu probar sorte en solitario. Así, reconvertido en Pantis, acaba de editar o seu primeiro disco, Pranto.
Trátase dun álbum intenso e delicado, que camiña entre o pop e o kraut, coa electrónica como base. Lanzado oficialmente o pasado 24 de febreiro pola editora Prenom, o disco está formado por sete temas, nos que a presenza de sintetizadores e ritmos frenéticos son a tónica dominante no instrumental.
Gravado, mesturado e masterizado por Ibán Pérez no Estudio Terraforma de Cangas do Morrazo, a produción corre a cargo do propio Rubén Domínguez que gravou todos os instrumentos e voces, excepto a batería, na que participou Cibrán Tenreiro.
O disco, integramente cantado en galego, percorre ao longo das cancións espazos pechados e minúsculos, nos que as reminiscencias ao pasado, a erosión do tempo, o amor e as perdas persoais e vitais, conforman un mosaico de non-lugares nos que Pantis se somerxe con versos cargados de fortes imaxes, descricións oníricas e paisaxes interiores.
O álbum está dispoñible para a súa escoita en diferentes plataformas dixitales como SoundCloud, Spotify e Bandcamp onde se pode baixar de forma gratuíta.
Do mesmo xeito, a editora Prenom lánzao en formato físico nunha edición limitada en CD con deseño do propio estudio que xa se pode mercar a través da súa web.
Pantis percorrerá Galicia e a península nos próximo meses presentando este disco en directo, nos que se poderá comprobar a forza, intensidade e emoción que desprenden as composicións que forman parte do seu álbum debut. Xa hai datas previstas en Vigo (26 de marzo), Santiago (9 de abril) e A Coruña (22 de abril e 4 de xuño).