O Día de Rosalía enche Pontevedra de música e poesía
Por Redacción & Mónica Patxot
Cun acto cargado de música e poesía. Así lembrou a cidade de Pontevedra a Rosalía de Castro, unha das grandes referencias da literatura galega, no 179 aniversario do seu nacemento.
A Casa da Luz foi o lugar elixido para celebrar este emotivo evento, organizado polo Concello de Pontevedra, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) e a Asociación Maio Longo.
Ademais do manifesto que preparara a AELG e que se leu por toda Galicia neste Día de Rosalía, representantes de diversos sectores da sociedade pontevedresa procederon á lectura de textos de Rosalía de Castro.
Así, entre outros, leron diferentes poemas da escritora coruñesa o etnógrafo Calros Solla, o debuxante Kiko da Silva, a profesora María Xesús López Escudeiro, o presidente da asociación Maio Longo, Xosé Abilleira, ou a concelleira de Cultura en Pontevedra, Anxos Riveiro.
A parte musical deste acto institucional correu a cargo do grupo de cantareiras Adonairare.
Este acto central puxo o broche de ouro á multitude de actividades organizadas por centros educativos, institucións públicas e asociacións culturais na honra a unha escritora que desde o profundo da voz e co seu canto radical e solidario, segue mobilizando a nosa conciencia colectiva, galega e universal.