O Museo acolle unha lectura institucional polo Día de Rosalía
Por Redacción
O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, encabezará o acto institucional co que a Deputación de Pontevedra conmemora, por primeira vez, o Día de Rosalía de Castro.
Terá lugar este mércores ás 12:30 horas no Sexto Edifico do Museo de Pontevedra, na sala que alberga a obra do fillo da autora, Ovidio Murguía de Castro (Sala 1 do segundo andar). Acompañando ao deputado de Cultura e Lingua tamén estarán o deputado Javier Dios e as deputadas Eva Vilaverde e Digna Rivas.
O acto de conmemoración do Día de Rosalía de Castro, que se celebra na data do aniversario do seu nacemento, consistirá na lectura de fragmentos da obra da escritora de Padrón, que correrá a cargo dunha representación de persoas vinculadas á cultura e á literatura, entre as que destaca a presenza da escritora pontevedresa e membro da Real Academia Galega, Fina Casalderrey.
Está prevista a participación de 12 persoas entre as que se inclúen, ademais das xa citadas, a concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro, o vicerreitor do Campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho, o secretario da Asociación Amigos do Museo, Ernesto Vázquez-Rey, o director do Museo, Carlos Valle, a bibliotecaria do Museo e especialista en bibliografía galega, Ana Barbazán, e as responsables do Gabinete Didáctico do Museo, Paula Tilve e Lourdes Parada.
No acto tamén se dará lectura do Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, titulado 'Rosalía libre e sen medo ningún' e escrito por Suso de Toro.
PONTE CALDELAS SÚMASE Á CELEBRACIÓN
Tamén o Concello de Ponte Caldelas súmase á conmemoración do Día de Rosalía de Castro coa celebración dun recital poético e musical organizado pola Biblioteca Municipal e no que participarán un grupo de nenos e adultos, todos eles usuarios do centro de lectura, e o grupo musical “Laranxada de Limón” que interpretarán diversos poemas musicados da recoñecida escritora galega e de Manuel María.
Este evento cultural, que terá lugar este mércores día 24 de febreiro, a partir das 19 horas, no Salón de Actos do Centro Cultural de Ponte Caldelas.