Músicos pontevedreses coa ollada posta cara Canadá
Por Redacción
Chirimbolo, a produtora encargada dos vídeos de Rock&Lérez do Local de Música de Pontevedra trasladouse a Montreal e desde alí poñen en marcha un novo proxecto baixo o título "Ti: música, Chirimbolo: vídeo".
Esta iniciativa busca proxectos musicais para elaborar un vídeo en Canadá. Os músicos que desexen participar terán que facerse fans de Chirimbolo na páxina de facebook, enviar un mp3 co tema que presentan a este certame e, de maneira opcional un vídeo no que os interesados conten o que lles apeteza sobre os seus proxectos musicais ou sobre eles mesmos.
Desde esta produtora liderada por Fátima Baña aceptan todos os estilos, desde instrumental a cappela e con gravacións en directo ou de estudo. Iso si, reclaman un audio de calidade.
O prazo para enviar o tema está aberto ata o 29 de febreiro e nas primeiras semanas de marzo coñecerase o proxecto gañador da gravación do vídeo. Os interesados poden ver as bases en www.chirimboloproducciones.com e poñerse en contacto con info@chirimboloproducciones.com
A promotora Fátima Baña trasladouse a Montreal buscando novas oportunidades de traballo. Desde alí, esta cantautora e editora quere formarse artisticamente e tamén como historiadora, xa que está a desenvolver o proxecto da recuperación da memoria histórica do Centro Galego da cidade canadense.
Esta produtora ten previsto seguir traballando con músicos de Montreal ou que estean de paso nesta cidade con proxectos de videocreación, gravacións de concertos directos e promoción de artistas.