O FICBUEU volve a ser antesala dos Oscar
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O filme inaugural da sección oficial da oitava edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (Pontevedra), “Alles wird gut” (Todo irá ben), está nominado aos Premios Oscar 2016 na categoría de mellor curta. Por segundo ano consecutivo o FICBUEU volve a ser antesala dos Oscar, xa que na pasada edición destes galardóns tamén foran nominadas dúas películas que viñan de presentarse no Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu.
A cinta alemá está dirixida por Patrick Vollrath e conta a historia dun pai divorciado que recolle a súa filla de oito anos (Lea) para pasar a fin de semana, pero pouco a pouca a filla vaise dando conta de que algo non vai ben e que o seu pai ten a intención de levala lonxe.
A nena que interpreta o papel de Lea, Julia Pointner, foi considerada polo xurado do festival como a mellor interprete feminina, sendo a segunda menor de idade que consegue este galardón no FICBUEU. A curta, tras xa seis meses de traxectoria polos festivais leva acumulados ducias de premios.
‘Ave María’, `Day one´, ‘Shock’ e ‘Stutterer’ son os outros títulos nominados a mellor curtametraxe na 88ª edición dos Premios da Academia. O gañador darase a coñecer na gala do 28 de febreiro.