'Overbooking' na biblioteca pública
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A desamortización de conventos e mosteiros dotou á biblioteca pública de Pontevedra dos primeiros fondos no ano 1848. Desde que abriu as súas portas o 2 de febreiro de 1849 no instituto provincial de segundo ensino os volumes foron crecendo e hoxe en día xa alcanzan os 190.000 na súa sede da rúa Alfonso XIII. Unha parte deles están á vista do público, outros poden consultarse previa demanda e a uns poucos tan só poden acceder os investigadores para preservar a súa conservación. Este luns 11 de xaneiro, día do usuario, unha visita guiada permitía acceder a todos.
Unha visita aos depósitos do edificio de Alfonso XIII deixa ao descuberto detalles que o usuario non ve a pesar de que se pase o día metido na biblioteca ou sexa algún dos seus 24.798 socios adultos ou 7.114 nenos. Os 4.000 volumes da colección Muruais, adquiridos polo Ministerio de Cultura á familia do profesor de orixe francesa e con valiosos retratos da vida do século XIX; os depósitos da colección da Sociedade Arqueolóxica e Colección Sampedro; os libros en homenaxe a Losada Diéguez; ou parte da biblioteca dos irmáns Mendoza son algúns exemplos dunha lista que encabezan, como máis antigos, dez incunables atesourados no despacho da directora, un de 1489 do Papa Juan XXI.
Moitos deses fondos pasaron xa polos locais da biblioteca pública no Palacio Provincial (1907), o arquivo da delegación de Facenda (1920), o Instituto de Ensino Medio (1931) ou o edificio da rúa Paseo de Colón (1960), nun periplo que desde 1987 mantén as instalacións na sede actual, pero que poida que non será o seu destino final, pois o espazo é reducido e aos poucos vaise quedando pequeno.
Desa última mudanza mesmo quedan revistas e outras publicacións que seguen empaquetadas, ao tratarse dalgunhas que non solicitaron ser consultadas desde entón. Ata que sexa necesario, así seguirán, pois garántes e mellor a súa conservación. E é que as publicacións periódicas son unha parte importante dos fondos, cunha hemeroteca integrada por 3.506 títulos de revistas e xornais, entre eles todos os exemplares publicados por Diario de Pontevedra, Faro de Vigo ou Atlántico Diario, medios que teñen o seu depósito legal na biblioteca pontevedresa.
Nas entrañas da biblioteca pontevedresa hai corredores cheos de todo tipo de publicacións e, a pesar dos modernos sistemas de almacenaxe, que optimizan cada oco, apenas quedan uns cantos andeis baleiros. A súa directora, Pilar Fernández Ruíz, indica que nos lineais do depósito sen libros pode haber espazo, coa política de adquisición de fondos actual, para outros cinco anos de actividade. O que pasará despois xa terá que ser unha decisión das dúas administracións con competencias na xestión, o Ministerio de Cultura -titular- e a Consellería de Cultura -xestora-.
As doazóns foron a orixe de boa parte dos fondos, pero tamén deixan curiosidades como que a colección de Antonio Odriozola, bibliógrafo, investigador e erudito que dá nome ás instalacións, está en realidade no Museo de Pontevedra. Ademais, esas doazóns deixan en ocasións mal sabor de boca, pois a falta de espazo levou á dirección a ter que derivar a posibles doantes a outros centros, como ocorreu recentemente con 6.000 exemplares que acabaron na Biblioteca de Galicia.
O Día do Usuario permitiu tamén premiar aos 'superlectores', os usuarios que máis libros ou películas sacaron en préstamo ao longo do ano. A lectora de honra adulta deste ano será Elena Torres Igrexas, que xa recibiu o recoñecemento hai dous anos e nos últimos doce meses beneficiouse de 368 préstamos na biblioteca pública. A lista de usuarios 'premium' complétana unha nena de 0 a 5 anos que retirou 258; un neno de 6 a 8 que colleu 231; unha nena de 9 a 11 con 131 préstamos; e un mozo de 12 a 14 anos con 170.